A Academia acolle unha escola de verán de alumnado de Kiel para traducir a Pardo Bazán
A Real Academia Galega acolleu esta semana unha escola de verán de tradución de alumnos e alumnas da Universidade de Kiel centrada na obra de Emilia Pardo Bazán. O programa, organizado polo profesor da institución alemá Javier Gómez Montero, permitiulles afondar na obra da autora no que foi o seu fogar na cidade da Coruña e coñecer a súa casa-museo e o conxunto do patrimonio cultural que custodia a RAG.
O alumnado de Kiel traballou nun proxecto centrado nos contos de Emilia Pardo Bazán recompilados pola profesora Cristina Patiño Eirín no volume El encaje roto: antología de cuentos de violencia contra las mujeres. Ademais de participar en obradoiros de tradución, os estudantes alemáns realizaron visitas culturais na cidade da Coruña e Santiago de Compostela.