A revista da Casa-Museo Pardo Bazán lembra a profesora Maryellen Bieder
O último número da revista La Tribuna. Cadernos de estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán réndelle homenaxe póstuma a Maryellen Bieder. A profesora da Indiana University, falecida no ano 2018, foi unha das principais voces expertas internacionais en Emilia Pardo Bazán e formou parte do comité científico desta publicación. O monográfico, coordinado pola profesora da USC Cristina Patiño Eirín, recolle seis estudos de Jennifer Smith, Roberta Johnson, Denise DuPont, Christine Arkinstall, Francisca González Arias e Íñigo Sánchez Llama.
Maryellen Bieder foi unha das investigadoras máis destacadas da ficción dos séculos XIX e XX e acadou prestixio internacional no campo da literatura española dese período con achegas de grande interese arredor das escritoras españolas e a teoría de xénero. No momento do seu falecemento estaba a traballar no proxecto Mulleres no ollo público: imaxes das autoras españolas na prensa periódica, 1880-1920.
No apartado de estudos, Íñigo Sánchez Llama (Purdue University) analiza na súa contribución ao monográfico a obra crítica de Maryellen Bieder centrada na produción literaria de Pardo Bazán dende a perspectiva feminista. Segundo o autor, a profesora elaborou unha influente interpretación que destaca a modernidade, a complexidade estética e mais a conciencia feminista elaboradas pola escritora coruñesa na súa obra narrativa, ensaística e teatral. Os seus estudos –destaca– son esenciais no hispanismo non só porque sinalan a complexa articulación dun discurso moderno senón porque establecen liñas de investigación produtivas para entender a “singular contribución” de Emilia Pardo Bazán ao feminismo español moderno e, nun sentido máis amplo, as tendencias artísticas adscritas á modernidade literaria.
Jennifer Smith (Southern Illinois University) achega un artigo sobre o relato “Feminista" (1909) e o xénero e a moda; Francisca González Arias (Boston University) ofrece un percorrido ilustrado dos espazos de Galicia que marcaron a vida e a obra de Emilia Pardo Bazán; Christine Arkinstall (University of Auckland) aborda a irmandade das escritoras españolas nos foros solidarios das revistas editadas por e para as mulleres que apareceron entre 1851 e 1852; Roberta Johnson (UCLA e Kansas University) profunda no exilio caribeño de María Zambrano; e Denise DuPont (Southern Methodist University) analiza unha serie de textos de Leopoldo Alas publicados en 1897 en La ilustración Española y Americana.
Lou Charnon-Deutsch, profesora emérita da Stony Brook University, asina o perfil da homenaxeada que abre o volume. Pilar Couto Cantero, María Bobadilla Pérez e Cristina Patiño Eirín péchano con tres recensións.