Ir ao contido da páxina
  1. Novas

Imelda Capote salienta a feminización da Axencia Tributaria no ciclo de conversas do centenario de Pardo Bazán

A delegada especial en Galicia da Axencia Tributaria participou esta tarde nunha nova cita do ciclo de conversas As mulleres cen anos despois de Emilia Pardo Bazán, coorganizado polo Concello da Coruña e a Real Academia Galega a través da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. Imelda Capote charlou co xornalista Luis Llera sobre a súa experiencia como parte destacada dunha entidade que desenvolve “un labor moi importante para garantir servizos públicos como a sanidade e a educación”.

A delegada especial destacou a feminización da Axencia Tributaria, onde na actualidade ocupan numerosos postos de responsabilidade, asegurou. “Na máxima dirección da delegación especial de Galicia hai trece membros, nove deles mulleres”, concretou. Imelda Capote concluíu salientando a importancia da figura de Emilia Pardo Bazán na defensa dos dereitos das mulleres. “Grazas a ela, e a moitas mulleres coma ela, hoxe temos unha sociedade máis igualitaria”, expresou.

A RAG e o Concello da Coruña retomaron con Imelda Capote o ciclo de conversas que coorganizan co gallo do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán. O programa, que arrincou o pasado mes de marzo, reunirá no que foi o fogar da escritora coruñesa na súa cidade natal un total de oito mulleres que son referentes nos seus respectivos campos para reflexionaren sobre os avances do feminismo e o camiño que aínda queda por percorrer para acadar a igualdade real. O ciclo xa contou coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a académica Marilar Aleixandre, a música Susana Seivane e a vicevaledora do Pobo, María Xosé Porteiro. Imelda Capote abriu tras o verán a nova quenda de entrevistas, que continuará nos vindeiros meses con Rosa Martínez, primeira directora da Radio Galega; María de la Cámara, xefa da sección de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC); e a escultora Soledad Penalta.