A Real Academia Galega celebra a declaración BIC da biblioteca de Emilia Pardo Bazán
A Real Academia Galega celebra a declaración como ben de interese cultural (BIC) da biblioteca de Emilia Pardo Bazán, unha decisión de “elemental xustiza histórica” que debería permitir no futuro contemplar unido un patrimonio bibliográfico singular de todos os galegos e galegas. O Consello da Xunta aprobou onte o decreto que protexe o conxunto dos libros que pertenceron á escritora coruñesa, co que culmina o proceso que se puxo en marcha a partir da solicitude presentada a finais do ano 2020 pola RAG, que conserva preto dos 8000 títulos que o compoñen. A protección atinxe tamén os case 3000 volumes que permanecen nas Torres de Meirás (Sada), a residencia de verán de Pardo Bazán, que pasou a mans do ditador Francisco Franco en 1938.
A Academia é responsable da custodia e do coidado tanto do patrimonio cultural como da produción intelectual de Emilia Pardo Bazán por decisión da súa filla e herdeira, Blanca Quiroga, e asume cun compromiso decidido a defensa da súa memoria histórica. A biblioteca da RAG coida na actualidade boa parte dos títulos que adquiriu Emilia Pardo Bazán ao longo da súa vida, catalogados e ao dispor das persoas interesadas no seu estudo. Catrocentos vinte libros proceden do domicilio coruñés da escritora —hoxe sede da Academia e da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán—, e os demais, uns 7500, de Meirás, onde permaneceron até que en 1978 o inmoble sufriu un incendio. Pero a día hoxe cando menos uns 3000 libros continúan nas Torres de Meirás, segundo se determinou na catalogación promovida pola Academia.
As xestións iniciadas en 2015 polo daquela presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e a conservadora da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Xulia Santiso, permitiron inventariar os case 3000 libros da autora que continúan en Meirás coa colaboración de especialistas da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña. A RAG ten previsto publicar en breve a publicación do catálogo que inclúe tanto os títulos custodiados na rúa Tabernas como os que permanecen nas Torres de Meirás. A institución considera que todos eles constitúen unha unidade que non debería estar separada.