A Casa-Museo amosa as ilustracións orixinais do cómic sobre Pardo Bazán
A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán acolle ata finais de maio a exposición das ilustracións orixinais do álbum de banda deseñada Emilia Pardo Bazán asinado pola guionista Alicia Palmer e a ilustradora Weronika Hańczyc en Cascaborra Ediciones. As dúas autoras falaron do proceso de creación na apertura da mostra, nunha conversa coa conservadora Xulia Santiso.
Alicia Palmer destacou o reto que significou trasladar a 56 páxinas ilustradas a intensa vida de Pardo Bazán, que fala no cómic por momentos empregando as propias palabras que publicou na súa obra.
Weronika Hańczyc referiuse á axuda que supuxo como fonte de inspiración e documentación en pleno confinamento a información da páxina web da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, onde, entre outros recursos, é posible realizar unha visita virtual de 360 graos, que se detén en todos os seus recunchos.
As autoras declaráronse incondicionais de Emilia Pardo Bazán unha vez coñecida a súa figura en profundidade. "É aínda hoxe un exemplo que seguir pola súa fidelidade a si mesma, a pesar de todo e de todos", concluíu Palmer.