Pardo Bazán, a anfitrioa excepcional e a crónica de salón
Emilia Pardo Bazán é unha das protagonistas de Anfitrionas: crónicas y cronistas de salones 1890-1930. A autora, Marisol Donís, presentou o volume na Casa-Museo da escritora acompañada da conservadora, Xulia Santiso, con quen conversou sobre unha obra que aborda unha das poucas ocupacións nas que as mulleres da burguesía e da aristocracia podían ser protagonistas. Dona Emilia foi anfitrioa excepcional nas súas casas da Coruña e Madrid, onde organizou encontros que destacaron pola pluralidade das personalidades convidadas, dende artistas e intelectuais a políticos.
O volume tamén se centra na aparición dun novo xénero xornalístico arredor das festas organizadas por aristócratas e burguesas: a crónica social. Os outros protagonistas do libro son así os cronistas de salóns, entre os que se atoparon dende Bécquer ata Juan Valera, creadores dunha nova forma de facer xornalismo e xermolo da actual prensa rosa. Pero malia ser tamén articulista habitual na prensa da época e convidada a numerosos eventos, Pardo Bazán non debe ser considerada cronista de salóns, salienta Marisol Donís. “Nunca escribiu sobre o que vía nesas reunións, nin unha indiscreción sobre os seus amigos. Citábaos cando falecían e facíalles un obituario. Escribía columnas xornalísticas sobre temas variados, aínda que hai que saber ler entre liñas. A sí decatámonos de moita información, mais polo que cala que polo que di”, expón a autora.
Outros cronistas si escribiron sobre as veladas que dona Emilia organizaba no seu fogar na rúa Tabernas da Coruña e no de San Bernardo de Madrid, lugares de encontro de numerosos persoeiros da vida política e cultural do momento. “Atendermos as pegadas de Emilia Pardo Bazán nesta faceta achega información sobre como ela mesma constrúe o seu propio lugar no mundo”, valora Xulia Santiso, que reivindica o valor do coñecemento destas reunións sociais. “Ao desenvolvérense en espazos afastados das institucións controladas polos homes, resultaron empequenecidas pola historiografía. Pero a sociabilidade, a intelixencia e a educación da anfitrioa empregábase na procura dunha atmosfera cultivada e activa”, conclúe.